Presentación

Iniciei o meu labor profesional no ámbito das ciencias sociais logo de licenciar en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago no ano 1996. Despois complementei a miña formación a través de mestrados no campo da Unión Europea e da Xestión de ONGs e Cooperación Internacional.

Pronto un grupo de persoas procedentes de diferentes ámbitos das ciencias sociais promovimos un proxecto para abrir campo profesional relacionado coa nosa cualificación. En 1999 botamos a andar a empresa-cooperativa Cidadania, unha das iniciativas máis innovadoras no campo das ciencias sociais, pero tamén como proxecto empresarial e social. Incluímos diferentes metodoloxías de análise e dinamización social adecuadas a cada proxecto, a complexidade social require ser comprendida incorporando a pluralidade de perspectivas e ferramentas ao noso alcance -tamén as metodoloxías participativas pouco frecuentes nos nosos comezos-.

Sempre estivemos (e continúan estando) atentos ao impacto social do noso traballo, que fose de utilidade para as institucións e para as persoas destinatarias últimas do desempeño como marca de profesionalidade. E sempre fomos conscientes do valor reflexivo das ciencias sociais, a xente non é só un obxecto de investigación senón tamén suxeitos diversos con saberes, intereses, criterio e capacidade de acción, é dicir, cidadáns e cidadás. Apostas, ao noso xuízo, máis acordes coas concepcións democráticas da sociedade onde as ciencias sociais, as metodoloxías de participación ou os labores de consultoría asentaban nunha concepción responsable como profesionais. Non puiden ter mellor escola, un proxecto profesional con ambición metodolóxica e social, e unhas compañeiras e compañeiros de traballo de grande valía: cualificados, innovadores, colaboradores e moi boa xente. Aí continúan, como proxecto consolidado, un dos máis solventes da consultoría e as ciencias sociais en Galicia.

En Cidadania discorreu unha parte moi importante da miña traxectoria que se recolle neste blog, boa parte dos traballos referidos á participación cidadá, normalización lingüística ou a sustentabilidade están asociados a esta experiencia. Tamén as destrezas desenvolvidas no referente á ideación e viabilización de proxectos de utilidade para as institucións e para a sociedade; na sociedade que vén adquire nova relevancia a capacidade de innovar, de mobilizar materia gris e enerxía con visión de futuro, e xerar as condicións de posibilidade para que a creatividade traballe de forma cooperativa con ambición cidadá.

A partir de 2006 estiven traballando como profesional autónomo e como asesor colaborando coas institucións de referencia en Galicia no campo cultural: o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura e a Cidade da Cultura de Galicia. Os traballos tiñan un alto nivel de responsabilidade e precisaban conxugar o saber facer do campo profesional coas habilidades da xestión pública. As oportunidades abertas nestas institucións permitíronme estar na primeira liña da asesoría sobre proxectos estratéxicos para o futuro de Galicia no contexto da sociedade do coñecemento: o novo papel da cultura, a planificación estratéxica, a cooperación Galicia-Norte de Portugal, a relación con expertos internacionais de relavancia neste campo, e a elaboración dun proxecto cultural para o principal equipamento cultural de Galicia.

Ando tamén enredado en proxectos voluntarios que me motivan especialmente, impulsar unha vitalización do Colexio profesional de politólogos/as e sociólogos/as, e a colaboración coa revista Tempos Novos, especialmente a coordinación dos Informes Galicia, unha serie de traballos iniciada en 2010 que buscan a posta en valor das ciencias sociais, transferir saberes e facelos útiles para a cidadanía.

Advertisements