A potencia do pobo galego

Xaime Subiela

[Artigo publicado no nº 220 da revista Tempos Novos – setembro de 2015]

Non agardamos que os tempos sexan chegados, sabemos que a liberdade e a igualdade se conquistan, exercendo a dignidade e a fraternidade. A unidade popular non se espera, é un traballo de implicación democrática das maiorías para que o pobo poida, iso do empoderamento. Porque o que está en xogo nestas eleccións é moito máis que acadar uns/has deputados/as no Congreso. Está en xogo o pan, o teito e o traballo, a democracia, o benestar, a decencia política, e a soberanía do pobo galego, si, que Galiza exerza como suxeito político.

Isto é un alegato contra os tristes. O mal que temos hoxe non son os inimigos exteriores, nin as condicións obxectivas, o noso problema son os ‘cenizos’. Explicaba Spinoza que a tristeza é o afecto que nos diminúe a potencia. E son moitas as formas nas que nos inunda a tristeza, a melancolía política que nos di que non podemos.

Unidade impotente.

Queda feo, pero hai que dicilo. Foron moitas as eleccións nas que indo xuntas todas as forzas transformadoras resultaron politicamente irrelevantes. Á inversa, a unidade popular callou en alternativas nas que non todos os partidos chamados a confluír foron xuntos, a pesar diso foron quen de canalizar a vontade maioritaria e gañar. Diriamos que a unión de ‘todos’ non equivale a unidade popular, e que a unidade popular precisa transcender a suma de ‘todos’.

Dicíao ben Podemos, non lle teñen medo a Podemos, téñenlle medo á xente. A unidade popular é potente por popular. Calquera exemplo histórico ou presente que busquemos deixa claro que nunca esa unidade popular inclúe a todas esas forzas de cambio, ninguén por iso deixa de chamarlle nin unidade nin popular. O determinante é que canalice a vontade maioritaria dese pobo para mudar a realidade.

Mareas e protagonismo cidadán

A alternativa de unidade popular xa se deu, algunhas mareas nas últimas municipais mostran o camiño, non falamos dunha hipótese. Venceron coas súas mans e ideas ben sinxelas, como se comezaramos a pensar a política por primeira vez. Unha das claves foi un xeito novo de implicar a xente allea á militancia tradicional e facer crible o seu protagonismo, tirar as portas e saír á rúa para respirar osixeno. Eran importantes as novas palabras coas que falaban (discurso), xerar espazos de confianza e creación colectiva do proxecto e a ilusión (cooperación), facelo coa lóxica democrática aberta dos movementos cívicos (metodoloxía), e que non só o contaban, facían o que dicían (coherencia). Evitando un neo-elitismo activista. Con soños, sen promesas. Con prácticas, sen promesas.

Hai quen tampouco acredita niso da cidadanía, desconfía que unha alternativa política poida ter outra lóxica que a dun partido. Quen proxecta certa ‘equivalencia moral’: en realidade fan o mesmo de sempre pero queren disimulalo, dan outra aparencia pero utilizan as malas mañas da real politik, ou se cadra peor porque son pequenos grupos coas mesmas perversións e menor control. Unha nivelación á baixa por que ‘todos somos iguais’, todos os corruptos do mundo pensan que ‘se ti si tiveras oportunidade tamén o farías’, algúns analistas tamén. A vella política estaría na natureza humana, ou polo menos estes do cidadanismo son unha fraude.

Está claro que todos/as somos cidadáns e cidadás, a cuestión é rescatar a política das lóxicas bélicas, militantes, ideoloxistas, burocráticas… e outros enredos dos partidos tradicionais, e dar cabida a xente común na definición do común. Parece algo naif e para algunha xente mentira: non é, nin pode ser. Esta xente tamén perxurou que as mareas non trunfarían. Seguen sen velo, pero se hai que apostar polo que está de moda faise. Situando a mudanza no ámbito cosmético, a nova política é a de sempre con algún independente, unhas primarias e novas siglas. Ponlle tamén algo de participación cidadá. Nova irrelevancia, vello control.

Como dis? Que o Bloque quere unha marea galega?

Recoñezo que eu non pillo as cousas á primeira. Escoitei que o BNG quería unha marea galega e xusto as/os que montaron as mareas non. Pois si que me estraña, porque cando houbo ocasión o Bloque pechou a porta a calquera posibilidade de confluencia, atacaba as mareas de xeito furibundo, dicindo as cousas máis feas -e agora ridículas- contra as alternativas de unidade. Pero iso é o pasado, xa hai polo menos 4 meses. Só miran para atrás os resentidos. O importante é o presente. Claro que xusto nos lugares presentes onde o BNG podía contribuír á confluencia -a Coruña, Compostela, Ferrol ou Ames- están facendo todo o contrario do que contan. Si practicaran algo a confluencia e a predicaran menos igual resultaban máis cribles.

Dá igual, miremos cara adiante. Aceptemos o mantra que circula no perímetro do nacionalismo: o Bloque cambiou máis en 3 meses que en 30 anos. A proba diso sería a súa vontade de prescindir das súas siglas e permitir que nacionalistas e non nacionalistas poidan ir xuntos nunha candidatura. Sabendo que o BNG en solitario quedaría sen representación nas Cortes non parece que as siglas sexan grande sacrificio, e se queren ter relevancia a quen se van arrimar?

Miremos cara adiante, non imos ser mal pensados. Eu creo honestamente que hai moita xente no BNG que quere avanzar cara un novo espazo de encontro, xente que está en disposición de ser xenerosa de verdade, deixar atrás as miserias e dar pasos sen prexuízos e coa mente aberta. Eu devezo por atoparme con esa xente, non para que veña onda min, para encontrarnos nun novo espazo de unidade popular. En todo caso, para que a aproximación se poida dar é necesario falar con franqueza e poñer os medos ao descuberto. A confianza non se levanta sobre o cinismo. Que ninguén se despiste, o problema non é o rancor pasado, é a desconfianza futura. A moita xente gustaríalle a unidade do mundo mareas co BNG, pero non se fía; por utilizar a expresión de X. Vence “somos honestos, non gilipollas”.

No meu caso tres son as sospeitas sobre a participación do BNG: Sospeita da mudanza gatopardiana, mudar todo para que todo continúe igual, facer manobras de supervivencia mantendo a dominación efectiva do nacionalismo galego: cando hai apuro colocamos unha interface amable cara a sociedade, garantindo que van continuar mandando os mesmos. Sospeita da colonización do espazo cidadán, que a lóxica partidaria e da vella política prevaleza diante da lóxica cidadá-marea, viciando o proceso, non só pola actuación do aparato BNG senón porque reforza a dinámica da confrontación de todos os partidos, o que non permitiría que fose nin viable nin crible como alternativa cidadá. Sospeita da aposta marxinalizante, que a presenza do BNG desdebuxe o carácter de nova política e a aspiración maioritaria, é evidente que o BNG suma nuns sitios e resta noutros -como outras siglas, discursos ou persoas-, a cuestión menos evidente é se compensa. Eu teño claro que a Marea Atlántica non estaría gobernando na Coruña se o BNG formase parte da mesma, con claridade hai sumas que restan; noutros casos acontece o contrario, o Bloque é o catalizador das enerxías do cambio e se non se conta con el non hai opción de ser hexemónica. A pregunta clave é: paga a pena promover unha confluencia con este BNG? Eu penso que si, pero depende da actitude e do enfoque. Non podemos propoñer o de sempre e pensar que alcanzaremos algo distinto. Aquí sáltame outra alerta.

O Estado, a revolución e o grupo parlamentario

Non creo que exista o paraíso, nin orixinal nin final. Penso que o mundo pode ser moito máis vivible e xusto, pero sen trasladar a relixión aos ideais políticos. Si que creo na capacidade humana para mudar a realidade, a un mesmo, e facer cousas divinas. A política sen desexos colectivos nin sequera é capaz de administrar ben o que hai, moito menos superalo. Eu teño moita ambición para a miña xente, para o meu país, para o meu planeta. Precisamos discurso, proxecto e prácticas que mobilicen a ilusión e a intelixencia, reactivar o principio de esperanza. Por iso non alcanzo a comprender a xente que con boa vontade focaliza a aspiración do país nun grupo parlamentario, ou que o anhelo maioritario teña como o principio activo cualificar a candidatura como ‘galega’.

O BNG leva propoñendo isto 30 anos é só nunha ocasión superou o 12% dos votos e 2 deputados/as, sendo sempre a 3ª forza a moita distancia da 2ª. Ninguén dubida que grazas a presenza do nacionalismo o noso pais estivo presente nas cortes, estes deputados/as foron quen valeron polos intereses da maioría do pobo galego, quen alzaron a nosa voz e a nosa dignidade, e debemos agradecerllo como país. Mais repasemos as mensaxes do BNG nas Xerais: 1996 ‘Para que Galiza poda decidir’ 12,85%; 2000 ‘Galiza con capacidade para decidir’ 18,62%; 2004 ‘Dálle un SI a Galiza’ 11,37%; 2008 ‘Contigo, Galiza decide’ 12,07%; 2011 ‘A alternativa que te defende’ 11,25%. O BNG formulou sempre a súa proposta como unha candidatura nacional galega, coa pretensión de acadar un grupo galego no Congreso, mesmo enunciado con esas mesmas palabras. Parece algo inxusto co BNG situar a limitación nas siglas. A lóxica das Xerais concentra o foco en quen vai gobernar España, o que a maioría da xente entende como relevante para as súas vidas, mentres o Bloque situou a tensión na ‘representación’ de Galiza. Esta idea de comprender o nacionalismo como un lobby territorial e non tanto como unha alternativa diferente de goberno e construción do Estado minou bastante a súa potencialidade neste tipo de eleccións. Quedaba fóra da tensión principal, tamén é certo que non había moita marxe de manobra alternativa. Hoxe semella factible un cambio profundo a nivel de Estado, e iso é o que mudou no escenario, facer como que isto non vai con nós e volver coa mesma formula quítalle a ilusión a calquera. Déjà vu.

Se non introducimos a pulsión de vencer, gobernar, mudar o marco institucional… faltará potencia. Eu quero participar no redeseño do marco constitucional, non só para que o pobo galego conte como suxeito constituínte senón para definir as regras de xogo compartido, mesmo participar no goberno e nas políticas do Estado non só as territorializadas, porque cales son as políticas que non nos afectan?, eu quero que a cidadanía galega exerza a súa soberanía, e que o faga en colaboración con aliado/as estratéxicos neste camiño, as diferentes alternativas en todo o Estado de cambio, no que en boa medida Podemos é o seu catalizador nese nivel. Non reduzamos a ambición da cidadanía galega a unha versión defensiva de Galiza, ou a unha posición subalterna de Madrid ou Barcelona. Vamos a por todas, queremos gañar e sermos protagonistas do cambio.

O exercicio republicano do pobo galego

Creo que son compatibles diversas concepcións nacionais de Galiza cunha versión republicana do pobo galego. Asumir de verdade unha concepción activa da cidadanía -non como unha nova abstracción-, implicando as galegas e galegos realmente existentes nun proxecto colectivo. Do mesmo xeito que procuramos integrar diferentes horizontes de sociedade nunha proposta que atenda a emerxencia do momento: desemprego, pobreza, abandono dos servizos públicos, corrupción, desigualdade, baleiramento da democracia, etc. Unido/as no básico, unido/as nas bases. Estamos creando un novo suxeito político, de vontade hexemónica máis alá do electoral. Non se trata de renunciar a nada, trátase de poñer a cidadanía galega por diante das identidades políticas de cada quen.

Hai un amplo acordo en que a alternativa de unidade popular considere ao pobo galego como suxeito político, que como tal ten dereito a decidir o seu destino. Galiza é o ámbito de referencia á hora de elixir candidatos/as mediante un sistema de primarias ou de definir un programa, asumindo o principio de auto-organización. As deputadas e deputados galegos réxense polo principio de mandar obedecendo ao pobo galego -con sistemas de conformación da vontade, rendición de contas ou revogabilidade-, o problema non é se deben obediencia a partidos de Madrid ou de Santiago, a nova política permite resolver este dilema: quen manda nelas/es é quen as/os votou, sen abstraccións, con mecanismos de control.

Dicía Montalbán que na Transición española se establecera unha correlación de debilidades opositoras no canto dunha correlación de forzas, penso que agora pódenos acontecer o mesmo, que nos falte a potencia como poder creativo, constituínte. Para Spinoza a alegría é a base da potencia, que se expande cando se relaciona coa potencia das outras persoas. Abandonemos as paixóns tristes, odio, temor, rancor, burla, envexa, desesperanza… Avivemos as paixóns alegres: vitalidade, amor propio, admiración, facer comunidade, valentía, xenerosidade… compartir a alegría e confiar nas capacidades propias. Unha proposta republicana do pobo galego precisa paixóns alegres. En galego enténdese mellor, Spinoza dicíao en latín, Laetitia, ledicia.

[Foto: 15 de abril do 1931 no Cantón de Chantada, tomado de Carlos Fernando Varela García]

Advertisements