Xaime Subiela Pérez (Chantada, 1969) Investigador social e consultor público, desde 2009 traballa como profesional autónomo. Perfil na wikipedia.

Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, 1996, nas especialidades de Estudos Políticos e Estudos Internacionais; posgrao de especialización na Unión Europea e master de Cooperación Internacional pola USC.

Socio-fundador da empresa Cidadania na que participou na súa dirección estratéxica e comercial, e no desenvolvemento do traballo de investigación e consultoría entre 1998 e 2006 en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento sustentable e coa cultura. Tamén co asesoramento político aos labores políticos de goberno e oposición.

Como traballos máis desatacable podemos sinalar:

  • Gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012 co libro Para que nos serve Galiza?.
  • Asesoramento ao grupo municipal de Ames Novo e participación activa no proceso de conformación da Iniciativa cidadá Ames Novo.
  • Coordinador técnico da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Consello da Cultura Galega. 2010-2011.
  • Coordinador de contidos da Cidade da Cultura de Galicia, como asesor da Consellería de Cultura e Deporte. Baixo a súa dirección elaboráronse os plans directores de cada un dos centros, incluídos os actualmente abertos: Arquivo e Biblioteca de Galicia. 2008-2009.
  • Responsable da elaboración de diversos proxectos de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal en materia cultural, entre eles o Proxecto Creativa: a industria cultural galego-portuguesa, financiado polo Interreg IV.
  • Asesor técnico do primeiro Anuario de Estatísticas Culturais de Galicia 2006.
  • Coordinador xeral do proceso de participación social das Axendas 21 locais das cidades do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. 2003-2005.
  • Director da investigación do Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia do Consello de Cultura Galega. 2000-2002.
  • Director técnico dos Plans de Normalización Lingüística dos concellos de Ferrol e Santiago. (2001-2003)

Participa habitualmente como docente en diversos masters no relacionado coa planificación pública e a participación cidadá, e como relator en diversos congresos do ámbito lingüístico e cultural, sendo autor de publicacións de referencia nestes campos.

Vicedecano do Colexio de politólogos/as e sociólogos/as de Galicia, colaborador habitual da Radio Galega, da revista Tempos Novos na que foi coordinador do Informe Galicia 2010 e do medio dixital Praza Pública.